Causa Galiza sairá á rúa o Día da Patria para reivindicar “a liberación nacional e social” do país
Este próximo Día da Patria, por sexto ano consecutivo, a rede popular soberanista e independentista Causa Galiza percorrerá as rúas de Compostela para dotar dun canal de expresión reivindicativa aos sectores do noso Povo comprometidos co proxecto estratéxico de construir un Estado Galego como ferramenta para defender o País e a maioría social galega frente aos designios de Madrid e Bruxelas. Continuarmos no camiño da liberación nacional e social é a lenda baixo a que nos manifestaremos nesta ocasión.
A convocatoria do Día da Patria 2012 coincide con dous feitos destacábeis: por unha parte, a agudización da crise socioeconómica e política, que se substancia na multiplicación dos ataques do Estado español ás conquistas sociais, a pauperización de sectores crecentes da nosa sociedade e a voadura controlada do Estado de las Autonomías. Por outra, os confusos procesos de reordenación e recomposición que vive o campo nacionalista galego (“xiro soberanista” do BNG, recente constitución de ANova, movementos do mapa independentista tradicional, etc.) que se expresarán en distintas convocatorias deste 25-X.
Existe pois unha contradición evidente entre a necesidade de construir amplas unidades de acción que teñan a súa cerna nos sectores nacionalistas e soberanistas de esquerda para respostar nas rúas á grave conxuntura actual e a extrema fragmentación e desorientación política existentes. O campo nacionalista galego, que en todas as súas expresións xirou cara posicións soberanistas e independentistas no último lustro, transmitirá este 25-X esta atomización e ausencia dunha proposta e unha estratexia soberanista unificadas.
Reforzar neste 25 de xullo a aposta pola soberanía nacional
Non é pretensión de Causa Galiza contribuir coa súa convocatoria para fragmentar e desmobilizar aos sectores soberanistas e independentistas, pero, aínda así, á vista da conxuntura, decidimos manter a convocatoria anual de mobilización que realizamos desde 2007, á vez que constatar a necesidade de construir despois do 25-X unidades de acción amplas dos sectores nacionalistas e soberanistas neste contexto de emerxencia nacional e tender a man para a súa materialización.
A decisión de convocar o Día da Patria deriva de duas constatacións: por unha parte, a inexistencia de elementos de análise sólidos e vías de diálogo efectivas que permitan verificar o xiro soberanista que dice impulsar a dirección histórica do BNG. Por outra, as incertezas que presenta o proxecto político nacido o 14 de xullo, con escasa clarificación do seu perfil e política de alianzas. Á vista destes dados, Causa Galiza valoriza necesario manter a tradicional convocatoria soberanista e independentista, continuar coa acumulación de forzas nesta dirección e tender a man a todas as unidades de acción posíbeis entre sectores nacionalistas, soberanistas e independentistas de esquerda.




