Causa Galiza denuncia o resgate e o custo social que suporá para a maioría social galega

O resgate do Reino de España xa é unha realidade a pesar das tentativas de Luís de Guindos e Mariano Rajoy de maquillala con eufemismos como “empréstimo” ou “liña de crédito” que ocultan a natureza da intervención do Estado español por parte da Troika (FMI, BCE e UE). A intervención dos organismos financeiros e económicos internacionais converte o Estado español nun protectorado a efectos práticos, baleira aínda máis o Estatuto de Autonomía e dá paso a unha serie de negativas consecuencias sociais que se irán desgranando nas próximas semanas.

O montante total do resgate do sistema bancario español podería alcanzar os 100.000 millóns de euros que se inxectarán no FROB para que este, á súa vez, os redistribúa entre os bancos e caixas “con necesidade” unha vez se culminen as dúas auditorías externas. Aínda que se anuncia que o 70% do sistema está “a salvo”, dase xa por certa a inxección de recursos en Bankia, NovaGaliciaBanco, CatalunyaCaixa e Banco de Valencia, co que se incrementan as posibilidades de absorción externa e extinción definitiva do sistema financeiro galego unha vez “saneado” este.

Xuros, condicións e mentiras

O ministro de Economia Luís de Guindos asegurou que o “empréstimo” non suporá novas esixencias para as economías domésticas e que “non haberá condicións de reforma fiscal, macroeconómicas nen de gastos”. Pola súa parte, o presidente espanhol, Mariano Rajoy, e a Secretaria de Estado de Orzamentos Marta Fernández Currás, que esta semana aínda negaba a posibilidade mesma do resgate, fixeron declaracións nesta mesma dirección tirando ferro ao custo social da operación e presentándoa como unha operación limitadamente bancaria.

Alén do que digan as autoridades, o certo é que o resgate suporá un incremento da débeda do Estado, a posíbel elevación do IVE ata o 23% seguindo a estela de Grecia ou Portugal, a ampliación da idade de xubilación, a profundización dos aspectos máis lesivos da reforma laboral para a clase traballadora galega, novos recortes nos servizos públicos e o control máis estreito da Troika sobre os gastos da Comunidade Autónoma de Galicia. Todo co pano de fundo da cesión de soberanía estatal e colocación do noso país nunha situación de indefensión aínda máis acentuada que a actual.

Mentiras españolas

O Reino de España, baixo gobernos do PSOE ou do PP, móvese de maneira cómoda na mentira institucionalizada e a vulneración sistemática, e normalizada, das súas promesas eleitorais. O Executivo español de José Luis Rodríguez Zapatero negara a existencia da crise durante un tempo prolongado do seu mandato. Agora, o de Mariano Rajoy vela a través dos medios de comunicación o feito de que estamos ante un resgate asociado a unha perda efectiva de soberanía estatal.

Máis imparcial respecto á situación do Reino, a prensa internacional categoriza a situación como rescate, cunha cesión de soberanía que acarrexa máis recortes e endebedamento. Feito a destacar tamén é a mansedume con que os españóis aceptaron a inxerencia internacional nos seus asuntos internos, ao mesmo tempo que se desatan campañas de chovinismo de Estado e ofensivas españolistas contra as nacións galega, basca e catalana.

Galiza: Comunidade Autónoma dun Protectorado

A imposición do resgate coloca a soberanía estatal española en situación crítica, que o é aínda máis para povos como o galego completamente carentes de soberanía política. Neste sentido, a autonomía administrativa da CAG, que xa se estaba sometida a procesos de desgaste desde Madrid coa fixación de teitos de gasto e endebedamento e a invasión competencial, sofre con esta medida un paso máis no seu baleiramento e profundiza a inutilidade como instrumento institucional para defender os intereses da maioría social galega.

Superar o marco

Se a descentralización administrativa pactada na Transición xa era insuficiente para abordar con efectividade as problemáticas que nos afectan como nación e como clases populares, os procesos de recentralización e baleiramento competencial das institucións autonómicas evidencian, aínda máis, a insuficiencia da actual arquitectura institucional para facer frente ás citadas problemáticas. A utilidade política da Xunta de Galiza e do parlamento de cartón están hoxe máis en entredito que nunca.

Desde Causa Galiza cremos que os feitos que están a acontecer colocan na axenda das prioridades a necesidade de consquistar un novo marco democrático de soberanía política e económica. Desde esta óptica, a definición dunha estratexia que gañe a confianza de amplos sectores da sociedade galega e favoreza a acumulación de forzas soberanistas e independentistas debe ser urxencia por parte dos sectores comprometidos na defesa dos intereses inmediatos e estratéxicos da maioría dos galegos e galegas.