Causa Galiza participará este domingo na marcha da Coruña

A comarca de Causa Galiza na Coruña participará este domingo na marcha convocada ás 17:00 baixo o lema Pola apertura da Torre de Hércules e en defensa d@ traballador@s despedid@s. A marcha partirá da estatua de Breogán, ao pé do faro, ate o Pazo de María Pita. Desde Causa Galiza queremos seguir animando á esquerda soberanista e independentista e ao povo galego, a intervir nas múltiplas loitas que se están a dar ao longo do País. Este domingo, na Coruña, Causa Galiza participará en solidariedade cos traballadores e traballadoras e reclamando marcos de soberanía e decisión popular que nos permitan enfrentar esta e outras agresións.

Manifesto

Os colectivos e asociacións presentes, a través do seguinte comunicado, esiximos ao goberno municipal do Partido Popular a reapertura inmediata do noso faro máis emblemático, patrimonio da Humanidade, fonte de atracción turística e guarda silencioso da historia da nosa cidade e da nosa Terra que permanece pechada sen explicación clara que o xustifique logo dunha enorme campaña entre o povo da Coruña e de todos os apoios para conseguir que fose declarada Patrimonio da Humanidade.

Do mesmo xeito pedimos unha solución ao problema dos traballadores e traballadoras que foron despedidos e despedidas e se atopan, actualmente, cun futuro incerto. Por este mesmo motivo facemos un chamamento ao resto de axentes veciñais, sociais, culturais, deportivos, políticos e sindicais para que o vindeiro domingo 22 de abril secunden a marcha baixo o lema Pola apertura da Torre de Hércules que sairá ás 17:00 horas desde o Breogán ao pé do faro até o Pazo de María Pita.