Causa Galiza anima a participar na manifestación contra a incineradora do Irixo
A Xunta de Galiza ven de aprobar recentemente a construción dunha incineradora no concello do Irixo. O Partido Popular pretende empregar por volta de 250 millóns para a construción da planta, ao servizo dun modelo de xestión de residuos que afonda nas negativas consecuencias ambientais, de impacto sobre o territorio e a saúde das persoas.
Causa Galiza anima a independentistas, soberanistas e á cidadanía galega a secundar a convocatoria da Coordenadora Veciñal, Incineradora no Irixo, NON, o vindeiro domingo 29 de xaneiro desde a Praza Maior do Carballiño ás 12:30. A continuación, anexamos a folla informativa que a iniciativa popular pola autodeterminación distribuirá este fin de semana no Irixo:
Non á incineradora no Irixo! Non ao modelo da incineración!
1º Causa Galiza rexeita a construción da incineradora no concello do Irixo. A súa construción suporá unha triple agresión para a comarca do Carballiño e a súa poboación: o impacto sobre o territorio debido á construción de infraestruturas, impacto medioambiental mediante a emisión de grandes cantidades de CO2, cinzas e lodos tóxicos e o impacto sobre a saúde das persoas.
2º Causa Galiza rexeita o modelo de incineración que consagra a Xunta de Galiza co PXRUG (Plano de Xestión Residuos Urbanos de Galiza). Este plano pretende chegar a queimar o 50% do lixo producido en Galiza duplicando as emisións de CO2 ata 700 millóns de kg/ano. Para lograr este obxectivo pensa investir o 57% do orzamento do plano (510 millóns de €) na construción da incineradora no Irixo.
3º Causa Galiza apunta que as solucións veñen por investir esforzos na redución da produción de lixo e no cambio de modelo. Para a redución deberían introducirse a recollida porta a porta, un modelo que mellora o servizo de recollida facendo reciclábel ata o 85% do recollido. Este modelo estase a empregar en diferentes puntos de Europa e no Estado español: en concellos de Euskal Herria e Catalunya. O cambio de modelo é fundamental. Actualmente, do lixo producido, un 42% son orgánicos biodegradábeis que están a ser utilizados na maior parte na incineración. Un 18% de papel e cartón, reciclábel. Un 6% vidro, reciclábel. Un 15% de envases lixeiros, reciclábeis; un 4% de téxtil. Isto suma 85%. A Xunta de Galiza quere queimar a metade.
4º A solución: mobilización e loita. A loita contra esta planta é fulcral para deter o modelo de xestión de lixo que queren impornos. Hai que parar esta construción que afecta directamente á comarca do Irixo e ao conxunto da sociedade galega e apostar decididamente por un modelo de redución, reciclaxe e reutilización.
Desde Causa Galiza valoramos que só un marco de plena soberanía nacional, onde os galegos e galegas podamos decidir con absoluta liberdade sobre o noso modelo produtivo e económico, ordenación territorial, etc., impediría agresións como a que padece a comarca do Carballiño e antes afectaron outras vilas e cidades do País (Reganosa en Mugardos, ENCE en Pontevedra, Plisan en Salvaterra do Miño, Iberduero na Ribeira Sacra, etc.).
Encanto carezamos desa capacidade de decisión, o noso territorio e os nosos recursos enerxéticos, forestais, hidrográficos, etc. continuarán a servir, como aconteceu historicamente, a empresas e poderes políticos contrarios aos intereses da maioría social do noso País.








