Comisión Técnica desenvolve os acordos do último plenario sobre o relanzamento de Causa Galiza
Este sábado celebrouse en Compostela unha nova Comisión Técnica de Causa Galiza posterior ao noso último Plenario Nacional. O encontro serviu para concretar as propostas de relanzamento da iniciativa, tanto no fortalecemento dos órganos nacionais da iniciativa popular e da rede de asembleas comarcais, como da proxección dunha intervención sistemática para socializar a necesidade do dereito de autodeterminación.
Alén dos aspectos organizativos, que se concretarán na potenciación da comunicación externa, do aparato financeiro e das responsabilidades nacionais, definiuse a participación de Causa Galiza na manifestación contra a instalación da incineradora a celebrar o domingo 29 no Irixo, os preparativos da homenaxe anual aos Mártires de Carral que este ano se celebrará en Cacheiras e a participación nas mobilizacións de 8 e 10 de Marzo.
Ciclo sobre 1972
O relanzamento de Causa Galiza pivotará fundamentalmente sobre a rede territorial de asembleas que sustentan a intervención da iniciativa. Así, nas próximas semanas, celebraremos asembleas comarcais e locais en distintos puntos do País para por en común a programación de traballo trimestral, continuar coa acumulación de forzas por volta da reivindicación da necesidade do dereito de autodeterminación como única alternativa á actual crise económica, social e política e incidir con máis forza na sociedade galega.
As históricas loitas operarias de 1972, que posibilitaron o nacemento dun sindicalismo nacional e supuxeron o salto cualitativo na construción do nacionalismo contemporáneo, terán un apartado especial na programación de traballo deste curso político. Por parte da iniciativa popular pola autodeterminación, alén de por en valor a significación histórica de 1972 e a súa relación co presente de crise económica, social e política, traballarase desde as comarcas para socializar a necesidade que ten a clase traballadora galega de conquistar a soberania nacional.








