Causa Galiza participará na manifestación nacional contra a “beatificación” mediática e institucional do fascista Fraga Iribarne
Causa Galiza participará na manifestación nacional a celebrar este sábado en Compostela desde as 12:00 h. para denunciar a campaña de intoxicación informativa desenvolvida por volta da morte de Fraga Iribarne. Achamos que é da máxima importancia que os sectores democráticos, antifascistas, soberanistas e independentistas do País contesten a canonización política de Fraga Iribarne, evidenciando que a sociedade galega non está disposta a comulgar con rodas de muíño.
A figura histórica e política de Manuel Fraga é completamente rechazábel para quen reivindicamos auténtica democracia para Galiza, xa non só polo seu pasado de máximo responsábel político da represión nunha ditadura que asasinou miles de galeg@s, senón, tamén, polo seu papel no período coñecido como a Transición, en que o franquismo impuña a unha sociedade galega debilitada por 40 anos de represión unha democracia formal que perpetuaba os principios esenciais defendidos polos militares golpistas de 1936.
Ademáis, Fraga Iribarne presidiu durante 15 anos a administración galega criada por un Estatuto hoxe sometido a intenso cepillado polos seus deseñadores. Desde a presidencia da Xunta, o ex ministro franquista construiu a arañeira caciquil, empresarial e institucional enfocada a afogar as liberdades democráticas d@s galeg@s, decapitar os sectores produtivos nacionais e acelerar unha crise socioeconómica, ambiental e identitaria manifesta en altísimas taxas de exclusión social, desemprego, precariedade laboral, avellentamento povoacional, desastre ecolóxico, etc.
Necesidade da mobilización
Nada hai que agradecer, por tanto, a quen disfarzándose nun galeguismo folclórico e vacío de contidos combateu toda a súa vida contra o proxecto nacional galego. A campaña mediática e institucional destes días que, coa metodoloxía do vello Nodo, pretende elevar aos ceus da democracia o admirador de Augusto Pinochet, merece o rechazo frontal da sociedade galega: nen Fraga Iribarne foi un “demócrata”, nen a Transición outra cousa que o pacto entre o bunquer franquista e sectores claudicantes da oposición ao fascismo para que “todo mudase sen mudar nada”.
Daquelas componendas, que furtaron a posibilidade dunha rutura democrática, e abriron paso a un novo rexime que seguía vulnerando o dereito de autodeterminación d@s galeg@s em nome da indivisible unidad de la Patria española, veñen boa parte dos lodos actuais. Así, esixir hoxe democracia para Galiza, esixir autodeterminación, denunciar a fraude antidemocrática da Transición, é o primeiro paso para construir en Galiza un cadro de soberanía política e democracia dignas de tal nome e imprescindíbeis para facermos frente á crise do capitalismo.
Sábado 21 todos e todas a Compostela!
Sen autodeterminación non hai democracia!








