Lei de Transparencia liquida as mínimas marxes de autonomía fiscal e financeira da CAG e enterra a “vía estatutaria”

O titular español de Hacienda Cristóbal Montoro anunciou hoxe a futura Ley de Transparencia de Gobierno. A normativa, que se suma á recente bancarización das caixas públicas, cerra a porta a calquera posibilidade de autonomía fiscal e financeira da CAG no actual cadro xurídico-político. O anuncio foi adozado coa preparación “nun par de meses” de liñas de crédito do Instituto de Crédito Oficial aos territorios con problemas de liquidez e o alargamento dos prazos para devolver “os excesos do financiamento autonómico” de 2008 e 2009.

O proceso de recentralización dá un novo paso adiante coa liquidación das cativas marxes de decisión fiscal e financeira de que ainda dispuña a Comunidade Autónoma Galega. Montoro, valedor integrista do mantra neoliberal da contención do déficit público como estratexia para “superar a crise”, advertiu que a partir da promulgación da LTG “pode chegarse á intervención” das CCAA que incumpran os teitos de gasto fixados desde Madrid e constitucionalizados a partir da recente reforma exprés da Carta Magna dos españóis.

Liquidación da autonomía

O que é, de facto, a abolición dos limitados marcos de decisión de que dispuña a CAG, adozouse, ao fío da denuncia social contra a clase política, cunha expresión deturpada do que reivindica a rúa: a posibilidade de responsabilizar penalmente “políticos e xeridores” das administracións, pero cando incumpran o mantra da contención do déficit público, é dicir, a CAG, incluso no caso de ser xestionada por forzas galegas, non podería endebedarse para xerar emprego, garantir a viabilidade de servizos públicos e sistemas de protección social ou protexer espazos especialmente degradados.

A mensaxe de Montoro aos socios dos españóis na UE e ao poder económico e financeiro é nítida: Madrid vai cumprir os seus “compromisos” na aplicación das políticas antisociais que esixen Merkel e Sarkozy. As demandas que nos dous últimos anos lanzaban fundacións ligadas á extrema dereita económica como FAES e Everis respecto da “ineficiencia” e “alto custo” da descentralización administrativa son xa realidade. A demolición ou o completo vaciamento político do Estado de las Autonomías por parte dos seus deseñadores deixa hoxe sen xustificación posíbel ás posicións estatutistas no nacionalismo galego.