Aznar asegura que “hai que rematar coa construción de 17 miniestados insustentábeis” e anuncia a mudanza do deseño territorial polo PP

“Hai que rematar coa construción de 17 miniestados insustentábeis”. Con esta claridade expresábase onte o ex presidente español e presidente da filofascista Fundación para el Análisis y los Estudios Sociales (FAES), José María Aznar, en declaracións ao diario dereitista francés Le Figaro. Segundo Aznar, “temos que reformar o noso Estado, é moi urxente. Iso pasará por un compromiso necesario entre as forzas políticas e democráticas”.

O laboratorio de ideas presentara en xaneiro un informe en que advogaba por redefinir o deseño territorial pactado na Transición, constitucionalizar o déficit cero das administracións e concentrar os municipios baixo o criterio da “eficiencia”. Aznar, que marca a axenda política do PP desde a FAES, simulando descoñecer o auto do Tribunal Constitucional sobre o Estatut, sinalou ademáis que “temos que establecer regras e límites constitucionais” aos desenvolvementos estatutarios.

Estado vitimista

A FAES asegura que “non é posíbel ter un Estado central cuxo poder é marxinal” e anuncia por boca de José María Aznar a aplicación por parte do PP dunha batería de medidas antisociais traducidas en reformas estruturais “que afectarán o sistema fiscal, o mercado de traballo, a produtividade e os salarios”. Engade ademáis que o paquete neoliberal se aplicará “sen esquecer máis privatizacións no sector público e arranxar as finanzas públicas, en especial no nivel das comunidades autónomas”.

O presidente do think tank extremista renova así o compromiso de 30 de xaneiro cando, na presentación do informe Por un Estado autonómico racional y viable, afirmou en ton dramático que a condición de “socio europeu de primeira” de España e a “sociedade do benestar” poderían verse en perigo “cunhas comunidades autonómicas aspirando a converterse en miniestados”. Na altura, este valedor da non aplicación dunha fiscalidade progresiva para as grandes fortunas, tamén riscara de “luxo imperdonábel” a existencia de TVs e organismos autonómicos.

O mercado é quen máis ordena

A liña discursiva da FAES, contestada formalmente en xaneiro por Mariano Rajoy, cando se viu obrigado a saír á area pública para declarar que cuestionar o actual modelo estatal era “un disparate”, sintoniza plenamente con outro estudo entregado pola Fundación Everis ao rei de España o 23 de novembro de que xa demos conta neste portal.

Este informe ten o aval das 100 compañías españolas máis transnacionalizadas e, entre outras perlas, sinala que “o actual modelo de Estado non é sustentábel”, á vez que esixe o fin da “inseguranza xurídica” que produciría aos mercados a existencia de 17 comunidades autónomas “lexislando diarreicamente”. Así, de novo, constátase que concentración de poder económico, liquidación de direitos sociais e servizos públicos e centralización do poder estatal son procesos necesariamente interdependentes.