Por un novo ciclo no nacionalismo galego, adiante o soberanismo!

Causa Galiza comeza a campaña política do Dia da Patria que levará a mensaxe da esquerda soberanista ao conxunto da xeografía galega. So a lenda Por un novo ciclo no nacionalismo galego: ADIANTE O SOBERANISMO! socializaremos a necesidade de reestruturar o mapa do nacionalismo galego a curto prazo por medio da construción dun amplo polo soberanista que gañe centralidade e referencialidade política no seo do nacionalismo galego e da sociedade galega.

Nestes últimos meses estamos a asistir a un “terremoto político” no nacionalismo que, máis unha vez, motivan uns fracos resultados electorais. Moitas son as voces que chegan das máis diversas correntes e familias que compoñen nun sentido amplo o nacionalismo para “refundar” e “repensar” o proxecto nacionalista. As formas que adopta esta crise política son variadas: aparición de “novos” proxectos, debates estrafalarios sobre o discurso político, que se máis esquerda ou máis nacionalismo, propostas de rendición política e ideolóxica, etc.

O que está de fondo da cuestión é a indisposición da dirección do nacionalismo maioritario para dotarse dunha folla de ruta que posibilite a acumulación de forzas políticas e sociais que permitan ao movemento nacional recuperar hexemonía social fronte á actual ofensiva do Reino de España e o Capital e abrir un camiño cara a soberanía que necesitamos con urxencia. Unha vez liquidadas polo Tribunal Constitucional español as presuntas virtudes da vía estatutaria á soberanía nacional que defende o BNG, e en pleno proceso de recentralización institucional e económica, o nacionalismo hexemónico non presenta outra alternativa que Máis Estatuto. A insuficiencia desta proposta política neste difícil momento para a sociedade galega é manifesta.

Neste sentido, son elocuentes as declaracións de Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG, no pasado 28 de xuño, cando celebraba o 75º aniversario do Estatuto de Autonomía de 1936: fronte á involución do modelo socio-económico e político que ofrece o Estado, a organización maioritaria do nacionalismo apenas presenta como folla de ruta ás súas bases sociais a reivindicación dun novo Estatuto forzosamente constitucional, é dicir, néganos a titularidade da soberanía política. Nesta liña, Causa Galiza denunciou nestes meses que a acumulación de forzas políticas, sindicais e sociais para reivindicar un Estatuto de Nación é un camiño sen saída, un engano político e, ademais, está absolutamente esgotado: a negativa do Estado a recoñecer ao Pobo Galego o carácter de suxeito político, a súa indisposición para elevar sequera o actual teito competencial e a desfavorábel correlación de forzas que hoxe existe entre soberanismo e unionismo desaconsellan teimar nas vellas e sempre esgotadas receitas.

É tempo de novos compromisos e novas estratexias que superen as fracasadas. A esquerda soberanista fai un chamamento ao conxunto de sectores políticos, sindicais e sociais que comparten esta visión para somar esforzos na construción dun polo soberanista que alente unha reestruturación do mapa nacionalista galego. Queremos chamar a atención moi especialmente nesta cuestión: para desbloquear a situación de parálise e perda de rumbo que vive o nacionalismo galego é fundamental construír un polo soberanista capaz de sacudir o noso esclerosado panorama político e capaz de articular as inxentes reservas de forza social e política que aínda ten este País.

Nesta dirección, é necesario evidenciar esta necesidade participando masivamente na manifestación do Día da Patria convocado por Causa Galiza por quinto ano consecutivo. Somos conscientes de que esta mobilización non resolve as incertezas e contradicións que existen no camiño, mais tamén de que, nunha data tan sinalada, saírmos cunha foto que marque un camiño, o da construción do polo soberanista, é un impulso para materializar os compromisos que adquirimos con independentistas, soberanistas, progresistas e auténticos demócratas que aspiran a situar o Pobo Galego como suxeito de soberanía, é dicir, dotalo dos instrumentos institucionais e políticos que posibiliten a construción nacional e unha vía real de superación da crise sistémica que imposibilite a “saída da crise” a través da involución nacional e social, a pauperización xeral da sociedade e a destrución da nación.