Causa Galiza apoia a mobilización do sindicalismo soberanista sobre Madrid
A Portavocía Nacional da Causa Galiza diante da mobilización sindical convocada pola CIG sobre Madrid xunto co sindicalismo vasco, catalán e canario, quere facer as seguintes consideracións:
1º Apoiamos a mobilización que a CIG convoca xunto ás centrais das nacións vasca, catalana e canaria contra a política de agresións económicas e sociolaborais á clase traballadora do noso país e a recentralización dos procesos de negociación colectiva.
2º A patronal española, coas políticas de axuste estrutural aplicadas ao calor da crise, pon as bases para mellorar estratexicamente a súa posición de clase. Que o logre e impoña a súa axenda oculta exixe disciplinar a clase traballadora galega, debilitar as ferramentas de autodefensa e negar a vontade dos traballadores galegos e galegas e a realidade do noso mapa sindical burocratizando e centralizando os procesos de negociación colectiva.
3º Expresamos a nosa sintonía coa interpretación da CIG sobre os límites do cadro constitucional para defender os intereses da clase traballadora galega, a necesidade dun Marco Galego de Relacións Laborais (MGRL) que cree un ámbito galego de negociación e protección social e a denuncia da recentralización que o Estado impulsa, da man de CCOO e UGT, para que as centrais estatais alcancen o monopolio sindical que a clase traballadora galega historicamente lle denega e posibilitar o aumento da explotación.
4º Destacamos o feito de que do campo sindical nacionalista se desconsidere a vía estatutaria como vía resolutiva exixindo un marco de soberanía política e dereito a decidir para exercer a defensa efectiva dos intereses da clase traballadora galega. Só decidindo as políticas económicas, sociais e laborais no País é posíbel a defensa integral dos intereses da clase traballadora e do Pobo Galego. A necesidade de exercer o dereito de autodeterminación e a acumulación de forzas que posibilite avanzar nesta dirección son, por tanto, da óptica dunha clase traballadora nacional, o único vieiro posíbel.





