Parlament catalán aproba unha moción en favor do dereito de autodeterminación
“O dereito de autodeterminación dos pobos é un dereito irrenunciábel do pobo de Cataluña”. Así se expresa literalmente a reivindicación do dereito de autodeterminación na moción que onte aprobaba o Parlament do Principado de Cataluña que, ademáis, manifestou o seu apoio ás consultas soberanistas previstas para o 10 de Abril en Barcelona. A moción prosperou con 85 votos a favor e 47 en contra.
A texto apresentado por Solidaritat Independentista (SI) foi modificado coas correccións e supresións propostas por CiU, contando finalmente co apoio de ambas formacións e de ERC, encanto ICVEuiA o asumiu parcialmente e as formacións españolistas PSC-PSOE, PP e Ciutadans votaron en contra. Trátase da primeira ocasión en que a cámara catalana aproba unha moción pro autodeterminación, dado que as anteriores foran aprobadas en comisión e a única que validara o Parlament falaba dum xenérico “dereito a decidir”.
“É un dereito inexistente”
O primeiro punto do texto aprobado afirma textualmente que “o Parlament de Catalunya considera o dereito de autodeterminación dos pobos como un dereito irrenunciábel do pobo de Catalunya” e “así o explicitou en repetidas votacións o Parlament”, ao que os autores e autoras da proposta consideran “sede da soberanía” do pobo catalán.
Por súa parte, as formacións españolas atacaron dialecticamente o dereito de autodeterminación. Laia Bonet, deputada do PSC, afirmou que “a independencia empobrece ao país”. Máis contundentes foron aínda María de los Llanos Luna (PP) que asegurou que “é o recoñecemento dun dereito inexistente, unha entelequia” e Albert Rivera, de Citadáns, que advertiu que quen pensan que Cataluña é unha nación “teñen delirios”.
Consultas soberanistas
A moción engade que “o Parlament defende o dereito da sociedade civil catalana a se expresar libremente a través de consultas á cidadanía e agradece a implicación das persoas voluntarias nos municipios onde se están a organizar e a todos os que partipan” nestas. O 10 de Abril a vaga de consultas populares independentistas chegará á cidade de Barcelona.





