Causa Galiza asistirá á manifestación de Bilbao convocada co lema “Paz, Legalización”

A iniciativa soberanista Causa Galiza apoiará coa presenza dunha delegación na manifestación deste sábado en Bilbao a aposta pola legalización do novo partido político Sortu e polo desenvolvemento da superación do conflito existente en Euskal Herria. Con motivo da mesma, quere manifestar tamén o seu posicionamento como iniciativa popular polo recoñecimento pleno do dereito de autodeterminación para Galiza.

Causa Galiza ante o novo ciclo político que se abre en Euskal Herria quere manifestar as seguintes cuestións:

Reclamar a inmediata legalización do novo proxecto político que representa Sortu. Este proxecto político cumpre hoxe todos os requisitos xurídicos exixidos pola antidemocrática Lei de Partidos, razon pola que é aínda máis inaceptábel perpetuar a suspensión de dereitos civís e políticos en que está inmersa a cidadanía vasca por causa desta lei.

A legalización do novo proxecto político da Esquerda Abertzale é unha exixencia democrática básica e unha achega de profundo calado para a superación do conflito. Suporía un paso importante para que todos os proxectos políticos existentes en Euskal Herria, á marxe da posición ante o actual cadro legal, poidesen defenderse e materializarse se esa for a vontade maioritaria da cidadanía vasca.

Causa Galiza demanda do Goberno español, xunto á voz doutros axentes internacionais, que abandone a actual posición do inmobilismo e o bloqueo e realice unha achega significativa para a resolución democrática do conflito como é, neste momento, a legalización do proxecto político que representa Sortu. É tempo de solucións e de rematar coa imposición e a suspensión de dereitos e liberdades.