Resulta esencial ter aliados a nivel internacional (...), é de manual"

Henrique Xesus del Bosque Zapata, autor do libro de Causa Galiza

Coincidindo co acto nacional do 18 de Decembro de Pontevedra, sairá por fin á rúa o novo libro de Causa Galiza editado conxuntamente coa Fenda editora. O libro do xurista e profesor Henrique Xesus del Bosque Zapata leva por título: "Dereito de autodeterminación, un potencial democrático".

Para a seguinte entrevista, quixemos que Henrique nos resumira dun xeito moi sintético xeneralidades sobre o dereito de autodeterminación,a constitución española, a soberanía nacional, os 30 anos de estatuto de autonomia, e a estratexia galega para conquerir a autodeterminación.

Que é a autodeterminación?

Consonte a definición que proporciona a ONU é o dereito dos pobos a determinar libremente, sen inxerencia externa, a súa condición política e a procurar o seu desenvolvemento económico, social e cultural.

Que diferenza hai entre autodeterminación e independencia?

 A independencia é unha opción na que se pode concretar o exercicio do dereito de libre determinación. Consiste na creación dun estado propio.

Que é un pobo? Que é unha nación?

Un pobo é unha comunidade natural caracterizada pola presenza de elementos obxectivos tales coma a lingua, a cultura, a historia, a xeografía e de elementos subxectivos coma a conciencia de compartir unha identidade e pertenza comúns. Cando se conxugan o territorio e a vontade de se dotar de institucións polícas de seu falamos de nacións.

Conformamos as galegas e galegos un pobo?

Evidentemente a concorrencia de ambos tipos de elementos, subxectivos e obxectivos nos configuran como un pobo e máis unha nación.

Recoñece a constitución española de 1978 a existencia do pobo galego?

A constitución española só se refire ao pobo español. O estauto de autonomía si que recoñece ao galego como un pobo no seu artigo 1º. 

Por qué a constitución española nega o dereito de autodeterminación do Pobo Galego?

Como resultado dunha transición pactada entre o franquismo e outras forzas políticas so se recoñeceu como nación a España e como depositario da soberanía ao pobo español

Que diferenza existe entre a autonomía da Galiza como “nacionalidade histórica” que recolle a CE e o dereito de autodeterminación da nación galega?

A nación galega carece de soberanía. A comunidade autónoma non é unha unidade constituínte, non existe un poder xudicial propio, a comunidade non participa no proceso de reforma constitucional e as competencias reservadas en exclusiva ao estado configúrano dun xeito unitario e pouco descentralizado. Carecemos da capacidade lexislativa en aspectos básicos asi como a capacidade de ser actores políticos en relación á unión europe

Que intereses económicos existen detrás da negativa antidemocrática do Estado español a recoñecer o dereito de autodeterminación de Galiza?

É tremendamente significativa a reserva ao estado das competencias en lexislación mercantil, propiedade intelectual, comercio exterior, ordenación do crédito, facenda, pesca e mariña mercante, e bases da planificación económica xeral. Todas estas reservas garanten á oligarquía española o control da actividade económica en todo o territorio estatal imposibilitando un modelo de desenvolvemento autónomo e autocentrado das diferentes nacións

É posible a autodeterminación dentro da constitución española?

A materialización dun proceso soberanista esixe, sempre, a vulneración da legalidade que o facía imposíbel e a construción dunha nova legalidade? Dentro do marco constitucional non é viábel o exercicio do dereito de libre determinación. De todos os xeitos, moitos dos procesos soberanistas que remataron na secesión se produciron sen invocar este dereito. A meirande parte foron resultado de decisións e mobilizacións que sobardaron os respectivos marcos legais

Vista a negativa do Estado español a asumir unha saída democrática para as reivindicacións soberanistas, cal seria a estratexia a seguir por estes sectores?

Penso que, á vista da experiencia histórica e do entorno xeopolítico, cómpre conformar un bloque nacional hexemónico que sexa capaz de amosar á comunidade internacional a vontade de gobernarnos a nós mesmos así como de acadar conquistas irreversíbeis e visibilizadas como arelas de soberanía. Resulta esencial ter aliados a nivel internacional polo que a estratexia de incidir no pobo portugués, nas súas organizacións políticas e sociais e nas súas institucións é de manual. Penso que este aspecto está moi abandonado. Precisamos estados soberanos que apoien a nosa causa.

Cumprironse os obxectivos que se tiñan marcado co estatuto de autonomía actual?

Desde logo o marco estatutario non era quen de posibilitar un avance soberano no sentido formal. Porén unha utilización das posibilidades do estatuto cara a conformar unha defensa blindada dos aspectos identitarios tivera sido posíbel con gobernos receptivos á cuestión nacional. O balance penso que non é positivo

Cales foron os avanzos mais significativos?

Pode que a frustración, paradoxicamente, sirva para encarar a superación das limitacións

Cales foron os retrocesos?

Os órganos e institucións derivados do estatuto non cumpriron coa función de seren elementos referentes na construción nacional, todo o contrario funcionarion na meirande parte das veces como elementos desnacionalizadores

Atendento á participación? Foi a suficiente o voto favorable como para podermos dicir que foi un texto lexitimado pola maioría da poboación? Que porcentaxe de voto favorable seria necesario?

Non foi un texto refrendado pola maioría, tendo en conta a abstención,  e nese sentido podemos dubidar da súa lexitimidade. Máis con esta cousas sempre hai que ter certa cautela. Se mañán houbese un referendo pola independencia e gañara o si cun 60% máis cunha abstención do 51% que faríamos, que diríamos, que dirían? Isto ten que ser froito dun consenso previo para que non haxa dúbida posíbel.

Supón un avanzo que a Galiza dispoña dun estatuto de nación? Existe a autodeterminación gradual ou aos poucos?

Para moitos autores a autodeterminación é un proceso e non un acto en si. Agora ben, un estatuto de nación podería ser un paso se supón arrincarlle ao estado competencias que van ser usadas nun proceso de construción nacional e nun contexto de febleza nacional. Pola contra sería un retroceso se a maioría do pobo pretende un proceso de secesión. É unha pregunta difícil. Que é mellor, renunciar ás concesións polo perigo desmobilizador que levan ou aproveitar instrumentos para sobardalos? Por si mesmo dicir estatuto de nación non é garante de nada

Pode aplicarse un Marco Galego de Relacións Laborais dentro do marco xurídico-político actual? Que beneficios ten ter un MGRL?

Ter a capacidade de lexislar en materia laboral, achegar os mecanismos de negociación aos propios suxeitos supón un mínimo de sentido, xa non democrático, senón de sentido común. Tal como é o deseño competencial a lexislación básica en materia laboral corresponde ao estado e a tendencia na negociación colectiva segue a ser a de afastala do noso país.

Como lograr a autodeterminación se esta carece de encaixe no marco legal? 

Hoxe a autodeterminación non se logra se non existe unha maioría social decidida. A casuística é moi ampla e non existe un único modelo. A poboación deberá percibir que a súa identidade só pode ser conservada, que a nación ten futuro se decide por si mesma. Todo pobo está lexitimado para construírse sen que ningún outro lle marque as pautas máis esta decisión ten que ser visibilizada e internacionalmente sería preciso que esta vontade se expresase claramente. Os seus léxitimos representantes poderían comprometerse co mandato dunha declaración, acatar unha consulta popular, liderar unha sublevación, etc. Xa digo que a historia nos presenta diferentes situacións, unhas máis pacíficas e consensuadas e outras máis de confrontación e desobediencia. O que si considero esencial é achairar o camiño do acougo internacional. Este debate non debe pecharse porque as condicións sociais e políticas van condicionar as diferentes tácticas e estratexias.