“Expertos” e dirixentes das principais empresas españolas suxiren a Juan Carlos I de Borbón liquidar o Estado das Autonomías

Membros da Fundación Everis saudan rei español

 A noticia pasou como unha sombra silenciosa por encima das redaccións dos principais grupos mediáticos españóis a pesar da sua significación. A ultraneoliberal Fundación Everis entregaba este 23 de novembro ao rei español a Declaración TransformaEspaña. Versión 1.o en que cen “grandes expertos” e dirixentes das principais corporacións españolas aseguran, por boca do seu presidente Eduardo Serra, que “o actual modelo de Estado non é sustentábel” e esixen que remate “a inseguranza xurídica que dan 17 parlamentos lexislando diarreicamente” (sic).

O documento está asinado por líderes empresariais de corporacións e relevantes grupos mediáticos como o Grupo Prisa, Telefónica, Red Eléctrica Española, CEPSA, Repsol, Gamesa, BBVA, ONO, AC-Hoteles, Acciona, FCC, Bankinter, Puleva Foods, Inditex, Grupo Planeta, Ford España, MAPFRE, Endesa, La Caixa, Mercadona, Renfe, Iberia, Iberdrola ou Vodafone España. Alén da declaración de guerra ao Estado autonómico, Serra asegurou, sen esclarecer quen, que “vivimos por encima das nosas posibilidades durante un tempo e iso rematou” polo que “temos que traballar máis e gañar menos” (sic).

A urxencia da Fundación Everis para “repensar e refundar todos os peares do sistema-país” e ir á “transformación estrutural e sistémica” do Estado deriva de que este sería “pouco atractivo para empresas, iniciativas, investimentos e talento”. Así, un dos principais entraves para a libre circulación de capitais que detectan as corporacións españolas sería “a rutura da unidade de mercado e a falta de seguranza xurídica” resultante da existencia de ámbitos normativos territoriais como os criados polo Estado español das Autonomias.

Abolición da política

Serra expresa con claridade os obxectivos dos principais grupos oligárquicos: facer táboa rasa do sistema autonómico, defendendo unha marca España para o reforzo interno e a proxección internacional do “sistema-país” e aplicar con contundencia o darwinismo social. A vontade da Fundación Everis é manifesta cando na páx. 13 do documento apunta que “o debate non está en ter máis ou menos dereitos, ou en dispor de dereitos máis ou menos universais”. Sen embargo, en declaracións a El Mundo, o proprio presidente da entidade manifesta que “o sistema de pensións hai que replantexalo” dentro da tendencia de recortes sociais xeneralizados.

Avanzar nestas dúas direccións –recentralización dura do Estado e radicalización das políticas antisociais segundo o criterio dos mercados- esixiría a unanimidade estrutural da esfera política e institucional que a Fundación Everis concreta en que “non se podem mudar as cousas cada catro anos, porque é malo”. Así, o texto asinado por altos cargos do BBVA e o BSCH suxire eliminar a posibilidade de que eventuais maiorías eleitorais condicionen as políticas do Estado fixando a priori “guías de meio e longo prazo institucionalizadas” que predeterminen as políticas possíveis de parlamentos e gobernos para alén do acontecer eleitoral.

Soberanía e capital

O informe Everis evidencia que neste momento a mera existencia de poderes territorializados con capacidade normativa, así como a posibilidade de que determinadas maiorías eleitorais condicionen as políticas económicas, laborais, sociais e fiscais do Estado, son vistas como factores de risco polos principais grupos oligárquicos. Esta formulación por parte do laboratorio de ideas ligado ao poder empresarial dunha regresión ao modelo previo á descentralización administrativa de 1981 súmase agora ás declaracións feitas neste sentido por significados dirixentes do PP –Mariano Rajoy, Núñez Feijóo, etc.-, catedráticos españóis de Dereito Constitucional e o think tank de extrema dereita FAES.