O manifesto independentista de Grou (Dia da Pátria de 1936) da Federación das Mocidades Galeguistas

Guieiro. Vozeiro da Federación das Mocidades Galeguistas

Dia de Galiza de 1936

Ao povo de GROU

Galegos: Hoxe, 25 de Xullo, data consagrada dende fai tempo como Dia da Patria, querémonos dirixir os nosos conveciños pra lle lembrar a obrigación que temos todos, como galegos, de adicar ao dia de hoxe a exaltazón de todol-os valores da Nazón Galega, tanto esprituaes como materiaes.

Parella coesa exaltazón patriótica é mester tamén que afirmemos a nosa vontade decidida de liberar totalmente a nosa Patria da tiranía extranxeira que a ten asoballada dende fai catro séculos e meio.

Que hoxe, mañán e sempre, so resoen no ámbito da Patria o Hino Nacional Galego e as nosas fermosas cantigas populares; que se bailen e respeten as nosas danzas nacionaes como a muiñeira, a redondiña, a ribeirana, etc; que se lean os periódicos e libros escritos no noso idioma; que se consuman con preferencia os productos galegos, e por último que hoxe, mañán e sempre, so se fale, pense e escriba en idioma galego.

Galegos: Por enriba de todol-os partidos políticos e de toda creenza relixiosa: GALIZA, GALIZA e nada mais que GALIZA.

¡VIVA A REPUBLICA GALEGA!

Grou Dia de Galiza 1936

Manifesto repartido por José Velo e Celso Emílio Ferreiro entre outros.

 [Publicado por Xoán Carlos Garrido Couceiro, Manuel García Barros. Loitando sempre, Lugo, Edicións Fouce, 1995, páx. 176]