Hoxe celebramos o 92º aniversario da Asemblea Nacionalista de Lugo

Tal día como hoxe, un 18 de novembro de 1918, culmina en Lugo a I Asemblea Nacionalista. O conclave de patriotas galegos anuncia solenemente ao País a través do xornal A Nosa Terra, “c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra”, un acontecemento de relevo no proceso de afirmación e emancipación nacional: “Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”. O punto de inflexión que marca a rutura co rexionalismo complétase coa reivindicación da “autonomía integral” para Galiza.

 

Á cita asisten 63 persoas e están representadas 67 sociedades agrarias e cinco centros culturais. Ademáis, comunican a súa adesión ao conclave nacionalista cinco federacians agrárias, 11 cámaras municipais, máis de 49 asociacións e multitude de personalidades de Galiza. Moitos dos asinantes do Manifesto de Lugo serán fusilados ou paseados, encarcerados ou deberán tomar o camiño do exilio para esquivar unha morte segura a mans da barbarie xenocida que o Exército español desata en Galiza en xullo de 1936. A violencia do Estado reprimia así, por vias expeditivas, un proceso de nacionalización social que madurecia aceleradamente no País.

Fase nacionalista

A rutura co rexionalismo que implica a cita luguesa dos membros das Irmandades da Fala é expresa na caracterización de Galiza como “Nazón Galega” –aínda non asumida 92 anos despois polo marco xurídico-político español, nen sequer como recurso retórico- e nun teito reivindicativo de soberanía -“IV Facultades do Poder Galego”- que supera largamente as capacidades administrativas da estatuto actual de Comunidade Autónoma de Galiza dunha parte do noso território. A opción soberanista é manifesta no texto cando afirma que “Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma”.

Asistentes

Os asinantes do que pasará à historia de Galiza como Manifesto de Lugo foron: Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Arturo Noguerol, Xaime Quintanilla, Manuel Banet Fontenla, Ramón Cabanillas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Gonzalo López Abente, Victoriano Taibo, V. Parateha, Antón Villar Ponte, J. Ferreira, Lois Peña Novo, L.P. Carballa, X. Culebras, E. Bidegain, Francisco Vázquez Enríquez, G. Cedrón, F.M. Balboa, Johán Vicente Viqueira, Roberto Blanco Torres, Rodríguez de Vicente, Ivo Fernández, Correa Calderón, Ramón Villar Ponte, L. Ares, A. Ramos, S. Mosteiro, X. Ares, X. Peña, L. Briones, Díaz Varela, P. Peña Novo, Sánchez Taíz, X. Faraldo, V. Veiga, C. Monasterio, X. Sarmento, L. de Labra, Xosé Ramón Fernández-Oxea, C. García Colmelo, R. Gutiérrez, X. García Colmelo, F. Abelaira, Ánxel Casal, T. Rodríguez, F. Zamora, V. Maceiras, A. Martínez, I. Rodríguez, X. Robles, R. Carballal, R. Areses, Eugenio Charlón, M. Sánchez Hermida, T. Amador, M. Vázquez, B. Varela, I. A. Garaloces, X. Basteiro, Eduardo Lence Santar, Víctor Casas e X. Monteiro Mejuto.

Podes escoitar unha canción do grupo "A Quenlla" que conmemora aqueles feitos clicando aquí