Causa Galiza aposta por recuperar a tradición de loita na defensa do dereito de autodeterminación
Causa Galiza prepara un plano de traballo para os vindeiros meses no que salienta a alternativa da autodeterminación como única solución para o desenvolvemento socio-económico de Galiza, fronte a insuficiencia do marco constitucional español. Esta campaña lánzase nun momento no que as forzas parlamentarias están a publicitar a súa intención de reabrir o debate sobre a reforma do Estatuto de Autonomía.
A entidade Causa Galiza presentou este mediodía en rolda de prensa o proceso de reforzamento desta iniciativa que contará cun chamado á participación asemblearia das súas bases co Plenario Nacional do vindeiro 25 de setembro como data central. Nesta fase, dase relevancia a establecer unha organización territorial que permita poñer á orde do día a reivindicación do dereito de autodeterminación en todas as comarcas do País.
Segundo Olalha Barro e Leonardo F. Campos, que presentaron o plano de traballo, a sentencia do Tribunal Constitucional sobre a reforma do Estatut de Autonomía de Catalunya veu explicitar os límites que o Estado Español marca para un suposto aprofundamento do autogoberno a través do marco xurídico-político vixente. Para Causa Galiza, a superación deste marco segue a pasar pola acumulación de forzas na sociedade galega arredor da reivindicación autodeterminista co obxectivo real do recoñecemento deste dereito para Galiza. Leo F. Campos salientou nesta liña a intención “recuperar, co apoio e a forza da sociedade civil e da cidadanía galega, a tradición de loita contra a via estatutaria dos anos 70”.
Na convocatoria aos medios que tivo lugar ante o Museu do Pobo Galego, a iniciativa Causa Galiza anunciou a súa actividade axitativa de cara a folga xeral convocada polos sindicatos nacionais CIG e CUT para o vindeiro 29 de setembro. A labor que desenvolverá a entidade soberanista nesta mobilización será a de explicitar que sen a capacidade de decisión do pobo galego nas cuestións económicas a clase traballadora está presa de decisións que se toman desde Madrid ou Bruxelas. En palabras de Olalha Barro, “emigración, desemprego, precarización dos servizos públicos e destrución do territorio son as consecuencias dun modelo superado, o da via estatutária”. Causa Galiza desenvolverá nas semanas previas á folga unha serie de palestras en varias localidades galegas coa participación de representantes do sindicalismo galego como parte do traballo mobilizador. Igualmente, a iniciativa prepara a edición dun documento de preguntas frecuentes sobre a relación entre autodeterminación e o mundo do traballo.





