Causa Galiza disponibiliza o programa completo para o 25 de Xullo

Trás a marcha unitaria do soberanismo galego, convocada por cuarto ano consecutivo, que terá saída o 25 de Xullo ás 13:00 da Alameda de Compostela, Causa Galiza organizará un xantar de convivio no parque de Belvís e numerosas actividades políticas, culturais e deportivas para o Día da Patria, cuxo programa disponibilizou completo hoxe. Os actos do parque de Belvís desenvolveránse sobre dous espazos centrais con programación paralela. No espazo político vanse realizar diversas charlas sobre a autodeterminación, mentres que no literario se levarán a cabo distintas presentacións de libros.

Así, os actos do Espazo Político darán comezo ás 17:00 horas co debate A loita pola autodeterminación. Galiza, Euskal Herria e Països Catalans, no que se dará unha perspectiva da loita soberanista no Estado Español e no que van participar, ademais dun representante de Causa Galiza, delegacións vascas e catalás desprazadas até Compostela para o 25 de Xullo. As outras dúas charlas estarán centradas na relación do dereito de autodeterminación con outras loitas. Así, ás 18:00 horas vai debaterse sobre Movemento obreiro e autodeterminación. Respostas á situación actual, coa presenza de Ricardo Castro, secretario xeral da CUT e Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos. E às 19:00 horas terá lugar a última charla, sobre Lingua e autodeterminación, coa presenza de activistas en defensa da lingua.

Pola súa banda, no Espazo Literario terán lugar presentacións de diversas publicacións. Así, ás 18:00 horas comezarán os actos coa presentación do libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural, editado polo Cineclube de Compostela, con presenza dalgúns dos autores. Ás 19:00 será o turno de Júlio Teixeiro, que ven presentar o seu libro Recessom ou colapso?. Teoria da crise dos marxismos, e o profesor de ciencia política Carlos Taibo  fechará o espazo ás 20:00 para presentar Decrescimento, crise, capitalismo.

Paralelamente, e a partir das 16:30, van desenvolverse no parque de Belvís distintas actividades paralelas nas que participan outros colectivos, como o partido de fútbol organizado por Siareir@s Galeg@s, o aberto de billarda convocado pola Liga Nacional de Billarda ou as actividades para nenos e nenas a cargo de Agarimar. Ademais, como o ano pasado, tamén se vai celebrar unha feira de asociacións ao longo da tarde.

Para fechar o programa de actos do Día da Patria, ás 21:00 horas terá lugar un concerto no mesmo parque de Belvís, coas actuacións de Projecto [‘trεpja], Labregos no tempo dos Sputniks e Fracasados de antemano, que porá o fin de festa a unha nova convocatoria unitaria do soberanismo organizada por Causa Galiza.

Programa de actos para o Día da Patria

MANIFESTACIÓN (CON SAÍDA NA ALAMEDA)

13:00 h. Manifestación unitaria co lema Para enfrentarmos o capital, aquí e agora soberanía nacional.

ZONA DE XANTAR (PARQUE DE BELVÍS)

14:30 h. Xantar popular (prezo 10 €)

ESPAZO POLÍTICO (PARQUE DE BELVÍS)

17:00 h. A loita pola autodeterminación. Galiza, Euskal Herria e Països Catalans. 

Causa Galiza 

Delegación vasca 

Delegación catalana

18:00 h. Movemento obreiro e autodeterminación. Respostas á situación actual 

Ricardo Castro. Secretario Xeral da CUT 

Paulo Rubido. Secretario Nacional da CIG-Servizos.

19:00 h. Lingua e autodeterminación 

Activistas en defensa da lingua

ESPAZO LITERARIO (PARQUE DE BELVÍS)

18:00 h. Presentación do libro Recessom ou colapso?. Teoria da crise dos marxismos de Júlio Teixeiro.

19:00 h. Presentación do libro Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural, do Cineclube de Compostela.

20:00 h. Presentación do libro Decrescimento, crise, capitalismo, de Carlos Taibo.

ACTIVIDADES PARALELAS A PARTIR DAS 16:30 H (PARQUE DE BELVÍS)

Partido de fútbol (organizado por Siareir@s Galeg@s)

Aberto de billarda (organizado pola Liga Nacional de Billarda)

Espazo para nen@s con actividades (organizado por Agarimar)

Feira de asociacións

 

CONCERTO (PARQUE DE BELVÍS)

21:00 h. Fracasados de antemán

Projecto [‘trεpja]

Labregos do tempo dos Sputniks