A LINGUA GALEGA PRECISA DA SOBERANÍA NACIONAL

Comunicado de Causa Galiza para o Dia das letras galegas

 

cándo remata un pobo? un pobo nace sempre non remata nuncanuncanuncanuncanuncanuncanunca

Uxío Novoneyra

Desde o foro soberanista Causa Galiza, co gallo da conmemoración do Día das Letras, adicado neste ano ao poeta nacional Uxío Novoneyra, quen foi un exemplo ao longo de toda a súa vida de nobreza e compromiso co País e co noso idioma, queremos, unha vez máis, remarcar o noso compromiso coa lingua galega, elemento fulcral da nosa identidade nacional, e que está a padecer un dos maiores ataques por parte dos poderes coloniais españois nos últimos anos.

Diante do proceso de subalternización e substitución do idioma alentado polos inimigos do País, que non é senón a parte máis visíbel da negación dos nosos dereitos nacionais, desde Causa Galiza manifestamos:

1º. A defensa dun País socialmente monolingüe en galego, no que os cidadáns e as cidadás poidamos desenvolver integramente todos os aspectos das nosas vidas na lingua nacional. Rexeitamos o proceso de substitución lingüística que, disfrazado de bilingüísmo e baixo demagóxicos argumentos pseudo-democraticistas, se nos intenta impor como parte da estratexia de destrución do Pobo Galego como suxeito político.

2º. É imprescindíbel a superación do actual marco xurídico-político e a conquista do dereito de autodeterminación para xerar as condicións democráticas necesarias  nas que a nosa lingua desfrute do status xurídico que merece como única lingua nacional.

3º. Apoiamos todas as iniciativas que se están a desenvolver na Galiza nestes días en chave normalizadora e de base, desde o convencemento de que a vontade política do Pobo é o elemento imprescindíbel e fundamental para a normalización e a vigorización da lingua galega, así como a comprensión da indisolúbel ligazón entre a supervivencia do idioma e a soberanía do pobo que a fala.

En Galiza, a 17 de Maio de 2010