A necesidade dun Marco Galego de Relacións Laborais

Disponibilizamos o texto elaborado por Causa Galiza no que se explica a a necesidade dun Marco Galego de Relacións Laborais e as suas vantaxes para as traballadoras e traballadores galeg@s.

Este texto explica que é o Marco Galego de Relacións Laborais (MGRL), que utilidade ten para a clase traballadora galega a súa construción,  si se pode aplicar dentro do marco xurídico-político actual e que relación ten o MGRL co exercicio do dereito de autodeterminación.

Que é o Marco Galego de Relacións Laborais (MGRL)?

   O MGRL é unha necesidade estratéxica da clase traballadora galega. Trátase do conxunto de normas e institucións que delimitan un poder de decisión nacional sobre o noso mercado de traballo e os nosos dereitos sociolaborais. Así, o MGRL afecta á definición dos tipos de contrato, as xornadas de traballo, a seguranza no emprego, a súa promoción, a formación profesional, a capacitación da forza de traballo, os salarios, o seu papel redistributivo, o comportamento do mercado laboral, a previsión, a igualdade de oportunidades e de trato, a seguranza, saúde e hixiene no traballo, as prestacións e condicións de traballo, a liberdade sindical, o dereito de sindicación, a negociación colectiva, as consultas, exame de reclamacións e solución de conflitos, as medidas de benestar, a información e participación sindical na actividade económica das empresas, etc. A necesidade de termos un MGRL é, para nós, incuestionábel.

Que utilidade ten para a clase traballadora galega a construción do MGRL?

   O desenvolvemento dun MGRL autónomo do estatal tería, por unha parte, a virtualidade de achegar os centros de negociación e decisión en matéria sociolaboral ás empresas e centros de traballo no país e, por tanto, abriría múltiplas posibilidades para adecuar o sistema de relacións laborais ás características específicas galegas e facilitar unha maior influencia e condicionamento da clase traballadora galega na definición das nosas condicións sociolaborais. Por outra parte, o MGRL favorecería a articulación territorial da nosa clase e traería en conta o específico mapa sindical galego, recoñecendo o peso específico do sindicalismo nacionalista –hoxe negado ou relativizado no marco estatal, debilitando o das corporacións sindicais españolas na negociación colectiva e abrindo mellores escenarios para as nosas reivindicacións.

Pode aplicarse o MGRL dentro do marco xurídico-político actual?

   Só de forma parcial e insuficiente, porque o Estado español se reserva competencias exclusivas sobre aspectos esenciais para a regulamentación do mercado laboral e imposibilita o desenvolvemento dun MGRL autónomo. Neste sentido, debemos dicir que a construción do MGRL é un proceso dinámico que reflite tanto a situación da loita de clases en Galiza como o noso grau de soberanía política. No actual marco autonómico, que nega a condición nacional do país, a construción do MGRL estará sempre constranxida pola nosa subalternidade como nación e suxeita ao conflito permanente entre o empresariado e o movimento sindical e operario.

Que relación ten o MGRL co exercicio do dereito de autodeterminación?

   A plenitude do MGRL é imposíbel dentro do actual marco constitucional porque como dixemos este, no seu artigo 149, reserva competencias exclusivas para o Estado en lexislación laboral (ponto 7º), bases e coordenación da planificación xeral da actividade económica (13º), Fazenda (14º), lexislación básica e rexime económico da Seguranza Social (17º), etc. Así, a existencia dun MGRL pleno, é dicir, non subordinado a directrices españolas, adaptado á nosa realidade sociolaboral e condicionado polo sindicalismo nacional, só é posíbel nun escenario de superación do marco constitucional español e soberanía política. Debemos entender, por tanto, que a reivindicación do MGRL é hoxe máis un elemento no conxunto de actividades e reivindicacións tendentes ao obxectivo finalista -a liberación nacional-  e que o seu pleno desenvolvemento só será factíbel superando o sistema legal e institucional vixente.

Evitaría un MGRL en plenitude a deslocalización das empresas?

Neste punto, responderemos co artigo "Deslocalización e soberanía política", de David Pena, licenciado en Dereito pola UDC e advogado laboralista. Segundo Pena, “os procesos de deslocalización precisan, nunha parte importante, que non única, da permisividade e conivencia dos poderes públicos en forma de autorizacións administrativas a expedientes de regulación de emprego, de transferencia de dados persoais e financeiros a eses terceiros países ou directamente da concesión de millonarios subsidios públicos que finalmente conducen á transferencia da produción fora da Galiza. É aquí onde a sociedade galega ten algo a que dicir, é aquí onde (…) debe esixir a asunción de competencias plenas -soberanía política- para blindar a nosa estrutura económica e produtiva. E é que unha nación que aspire ao progreso social, económico e político non pode ficar, na súa articulación económica e laboral, ao ditado da (i)lóxica do mercado. Debe, ao contrario, blindarse e dirixir os processos de vertebración industrial, facendo que os mesmos teñan dinámicas autocentradas”.