Bases organizativas de Causa Galiza

1. Contido do proxecto

Nunha primeira fase crearase unha entidade nacional estábel que, desde a súa constitución formal até o referendum estatutário, xogue os seguintes papeis:

1º desenvolver unha campaña pedagóxica intensiva e extensiva para socializar o significado e necesidade do dereito de AD e reivindicar o seu recoñecemento e exercício, vinculándoo sempre estreitamente coas necesidades da maioria social galega e dunha óptica de esquerda.

2º denunciar a insuficiencia do cadro autonómico e constitucional para resolver os problemas do País e do Pobo Traballador Galego e vincular aquel á deteriorada situación que soportamos nos planos sócio-económico, ambiental e identitário.

3º facer campaña contra o Estatuto que se plebiscite finalmente e mobilizar un rexeitamento social significativo nas ruas e nas urnas, activando unha ampla campaña en contra do Estatuto autonomista.

A entidade nace con vontade de integrar nunha unidade de acción centrada nos puntos anteriores os sectores sociais, culturais, sindicais, políticos e individualidades que se situan na esquerda soberanista, partidários do dereito de AD e contrários ao actual cadro xurídico-político. Trátase de compactalos nunha intervención conxunta e prolongada por volta dos obxectivos sinalados.

A virtude esencial da entidade é situarse por riba da atomización da esquerda independentista e soberanista, dar unha contestación política non marxinal nun momento histórico como o presente e esquivar os efectos negativos dos conflitos e diverxéncias internos para favorecer o traballo conxunto de sectores que, de outro modo, traballarían fragmentados e descordenados cun impacto consideravelmente inferior na sociedade.

2. Calendário de traballo

A dinámica iníciase desde a xestación da entidade nacional até o plebiscito do Estatuto de Autonomia. Dividimos este calendário en 3 fases a desenvolver autonomamente, mais cunha relación dialéctica.

Fase A: Fase de construción. Consolidación organizativa da entidade nacional segundo o modelo aquí desenvolvido e lanzamento público.

Fase B: fase de socialización da entidade e as propostas. É a mais prolongada. Trátase de facer, a partir da evidéncia de que o dereito de AD é unha reivindicación criminalizada, non assumida e/ou descoñecida pola maioria social, que non vincula esta reivindicación estratéxica ás súas condicións concretas de vida e traballo, unha campaña intensiva para socializar a necesidade da AD. Esta Fase B subdivídese en B1 –a actual, no referido á reforma estatutária non fai parte da axenda institucional e na que incidiremos na proxección pública do ente e os  puntos mínimos- e B2 –a partir do momento en que se reinicie formalmente a negociación da reforma estatutária.

Fase C: Intervención nacional para denunciar a fraude estatutária e pedir o voto contra o estatuto autonomista no referéndum.

2. 1. Fase A ou de construción do ente nacional

Antes de darmos pasos a nível público, compre consolidar o proxecto. O factor tempo non debe condicionar en exceso o proceso dado que os prazos son relativamente folgados. A asemblea de entidades e persoas reunidas no pasado 3 de Marzo, e outras que podan incorporarase, son o embrión da entidade nacional. Nesta asemblea de colectividades e individualidades reside o poder de decisión e aprobará o perfil do proxecto, calendário de traballo, nome, modelo organizativo e recursos económicos. A asemblea pode ser ampliada con todas as entidades e persoas sumábeis á iniciativa só con asumir os seus mínimos. A CT transmitirá a próxima convocatória de asemblea ás colectividades e persoas que non asistiron o 3 de Marzo.

Pasos iniciais a dar:

1º Redacción e envío dunha carta formal onde se explique xenericamente o proxecto para informar as entidades e persoas que, eventualmente, puidesen apoiar a iniciativa. A lista de organizacións e asociacións repartida o 3 de Marzo pode ser orientativa dos destinatários.

2º Aprovación en asemblea dunha proposta concreta sobre o carácter da entidade nacional, nome, modelo organizativo, financiamento e calendário de traballo.

3º Elaboración dun Manifesto con as ideas-forza da iniciativa como referente da dinámica a iniciar. As entidades e persoas que avalien a iniciativa asinarán publicamente este Manifesto.

4º Dar a coñecer publicamente nun acto formal e solemne con a maior proxeción mediática posíbel o Acordo Nacional existente unha vez que estea consolidado.

5º Construción dunha páxina web que dea conta da nova entidade nacional e informe das iniciativas. A páxina será o referente informativo da entidade nacional.

6º Elaboración dunha lista de todo o tecido asociativo nacional para contactar directamente e dar coñecemento da iniciativa.

7º Analizar as posibilidades de articular unha ILP.

8º Deseño dun logo en favor do dereito de AD para socializar e identificar as iniciativas.

9º Confección dun DVD que sirva de soporte audiovisual para charlas e actos públicos do ente nacional na liña do fenómeno social “Hai que Bota-los!”.

2. 2. Fase B ou de socialización do dereito de AD e denúncia do cadro autonómico

A fase B proxectará en todo o País a entidade nacional e a reivindicación do dereito de AD. Incidiremos nesta etapa no esforzo pedagóxico de comunicación e na incorporación de mais persoas e asociacións e colectivos, alongando o abano de apoios e activistas. Trátase, sinteticamente, de chegar á recta final da campaña cumha rede nacional de activistas consolidada para afrontar a fase C, o ente nacional plenamente popularizado e “engraxado” e en condicións de dar as respostas políticas, mediáticas e de mobilización que vaia impondo o proceso de reforma.

2. 3. Fase C ou campaña contra do Estatuto

A Fase C dura apenas 15 días e é a fase mais intensa do traballo conxunto. Trátase neste sprint final, en que o debate cobra toda a sua “actualidade”, de lograr os seguintes obxectivos:

1º Visibilizar a existencia dun amplo e plural abano sócio-político capaz de rexeitar desde posicións non marxinais a vía estatutista, reivindicar o dereito de AD e denunciar o consenso institucional alcanzado polos partidos.

2º Estender o debate político autonomismo/soberanismo a toda a sociedade.

3º Obter decenas de millares de votos contra do estatuto autonomista que neste conxuntura serán votos autodeterministas.

3. Modelo organizativo

Partindo da actual realidade do soberanismo de esquerda, o modelo organizativo debe ser suficientemente laxo para facer posíbel, cómoda e duradeira a integración e convivéncia de sectores políticos, sociais e individualidades con perfís, ritmos, niveis de confianza e coesión diversos e que, inclusivamente, sustentan tensións e relacións conflitivas, mais coinciden na necesidade fundamental de respostar en común nesta conxuntura política concreta.

Este modelo non debe promover unha dinámica regular de maiorías e minorías en que as segundas sexan sistematicamente esmagadas ou abocadas, de feito, a se distanciar da iniciativa común. Todo ao contrário, o modelo orgánico e os modos de decisión promoverán a integración das partes, o diálogo, a negociación e a tomada de acordos sempre que for posíbel por consenso.

Consideramos que debe ser un modelo asembleario, abertamente participativo, nom baseado nas aritméticas e indefiníbeis “cotas de representación” de cada quen, enfocado a construir un suxeito colectivo operativo, plural e minimamente cohesionado que, a partir dos puntos mínimos citados, logre a sua finalidade: organizar a resposta común dos axentes participantes do proxecto evitando “descolgues” e distanciamentos. O perfil elemental da iniciativa, a consciéncia existente en todos os sectores da esquerda independentista e soberanista sobre a necesidade de “espazos comúns” e a dimensión fundamentalmente activista da proposta facilitan isto dun modo pouco usual.

Existirá unha asemblea nacional da entidade que funcione como Cordenadora e se reuna coa periodicidade que estime necesária, autoconvocándose dunha reunión para outra; terá representación de todas as entidades que avalien o proxecto, as asembleas comarcais e persoas a título individual, na liña da reunion do 3 de Marzo de 2007. É este foro asembleario e aberto onde se toman as decisións; o seu funcionamento será, sempre que for posíbel, POR CONSENSO, evitando votacións e dinámicas de maiorias e minorias e procurando un marco onde todas as partes se sintan identificadas para participar do desenvolvemento da proposta.

Esta cordenación nacional funcionará como asemblea de asistentes e non terá un número fixo nen pechado de membros, permitíndose a asisténcia a todas as persoas interesadas. Na boa vontade e responsabilidade dos axentes fica evitar dinámicas interesadas de sobrerrepresentación.

Dada a flexibilidade que precisa um proxecto destas características e o carácter minimalista da iniciativa, entendemos que son improbáveis, e mesmo desbotáveis, “grandes debates” políticos e ideolóxicos que podan tensionar e crear fendas no suxeito colectivo a construir. A definición do ente debe ser baixa para priorizar o común sobre os particularismos e as subidentidades.

A cordenación nacional determinará que responsabilidades deben personalizarse ou derivarse en comisións específicas en base a critérios de eficácia e funcionalidade.

Para evitar identificacións indesexadas da entidade nacional con siglas ou movementos, procurarase que as pessoas designadas para representar á C.N. ofrecerán o perfil menos connotado e mais aglutinador  posíbel.

Igualmente, em aras de favorecer o clima unitário e reforçar o carácter aglutinador e multisectorial, as eventuais mobilizaçons e actos públicos que poda convocar  a entidade nacional fuxirám da exhibición de simboloxias alleas ás da propia entidade, empregando as propias da entidade nacional.

Unha CT aberta encargarase a modo de “executiva” que se reuna con maior regularidade de axilizar o traballo e materializar os acordos que tome a coordinación nacional, rendendo conta de todas as suas actividades á asemblea.

A nível local e comarcal é onde se xoga o grosso da iniciativa. Organizarémonos em base a asembleas locais abertas a tod@s @s autodeterministas de esquerda de cada localidade interessad@s em participar da iniciativa. Cada assembleia local decidirá autonomamente como se autoorganiza á luz das suas necessidades e particularidades e estará presente na cordenación nacional por critérios de operatividade e intercámbio áxil de información.

Entendemos que este modelo ten limitacións e desvantaxes, mas, dado o carácter flexíbel  que pretendemos imprimir á iniciativa, consideramos que esta fórmula é a única capaz de activar o tecido associativo nacional e pessoas soberanistas, á vez que desactivar os efectos das desconfianzas e os conflitos previamente existentes.

4. Nome

A proposta responde á idea básica de integrar toda a diversidade do soberanismo de esquerda sob uha única marca e evitar o conflito normativo.

Causa Galiza/Causa GZ

Usarase indistintamente.

5. Recursos financeiros

Dada a ambiciosa dimensión da iniciativa, con pretensions de estenderse a todo o território nacional e acceder a sectores sociais alén dos “círculos conscientizados”, os recursos económicos serán esenciais. Unha perssoa ou pessoas eleitas na assembleia farám as vezes de responsábeis financeir@s. Estas son as primeiras iniciativas e vias de consecución de recursos propostas:

- Abrir unha única conta nacional co nome da entidade.

- Conseguir en toda a nación 100 persoas que transfiran mensualmente á conta 20€ para os gastos da dinámica que estamos a iniciar durante o período sinalado. Podéndose ingresar mesmo trimestralmente.

- Difundir a través de todos os medios posíbeis o número de conta e o alcance do proxecto solicitando colaboracións económicas (anúncios en Vieiros, ANT, Novas da Galiza, etc.).

- Ingreso mensual dunha cantidade económica en función da capacidade de cada un dos axentes colectivos que avalian a entidade nacional.

- Edición e venda masiva  dun libriño explicativo da reivindicación do dereito de AD.

- Organización dun concerto nacional para proxectar publicamente a iniciativa e recadar recursos.

6. Sobre unha futura articulación organizativa da esquerda soberanista galega.

A presente campaña trae a colación inevitabelmente o debate de fondo da atomización da esquerda soberanista, a inexisténcia de puntos estábeis de encontro e a auséncia de referéncias comúns lexitimadas por todos ou a maioría dos colectivos sociais, políticos, sindicais e individualidades que se sitúan no campo da esquerda independentista, autodeterminista e/ou soberanista. A superación deste debate, contribuindo á unidade de acción e á vertebración de todas aquelas correntes, organizacións políticas e sociais, asi como persoas, interesadas en dotar a Galiza dun instrumento de loita social e política, nos ámbitos da mobilización popular e loita institucional, encóntrase entre os nosos obxectivos, mais entendemos tal proceso dinamicamente, a partir das unidades cimentadas na coesión subxectiva e a confianza mútua, o traballo diário e a concorréncia nas loitas: nunca como resultado de procesos artificiosos ou superestruturais.

Concibimos a presente iniciativa como unha mínima achega a ese proceso en que tod@s estamos.

 

Galiza, 2 de xuño de 2007.